Sunday, November 12, 2006

A raíz con ás

Resistimos porque soñamos, dixo Álvaro Cunqueiro nunha fermosísima autopoética. E eu engadiría, aínda con máis razón despois de escoitar a Xarín (Os Gaiteiros do Incio): Resistimos porque endeixamais deixamos de tocar. Porque existía a música. Porque non acalou a gaita. 'E que máis amado fogar para os soños e o son que os soutos do Incio! Os pentagramas feridos do pobo, pendurados como follas secas polos dedos do vento, toparon alí unha mocidade de saber curandeiro. Os corazóns solitarios desprendidos do retábulo histórico e carcomido atoparon a quentura vital dun fol indómito.

Sucede algo curioso con este disco. Que a tradición deixa de ser sinónimo de vellez maqueada, de reliquia embalsamada que compre airear un día de festa ao ano. Aquí vibra con sentido a sentencia consoladora de Castelao: A tradición nunca traizoa. Semella que todo nace de novo, pero á maneira dos ciclos da terra, sobre o humus e as cinzas, e coa lembranza venturosa da semente que levan as aves do inverno no peteiro. E é así que a memoria musical, esa fráxil construcción de anónimas estrelas, ensarilladas nas frechas do ire e vire, rexurde como unha paisaxe inédita e evocadora a un tempo. Unha paisaxe íntima, de mundo que sae de sí, onde os sons restauran o retábulo destruído e inerte. Onde a música actúa como un feitizo que nos debruza na romaría da vida, ao río de todas as almas. A unha sensación de liberdade, que non só e irmá da ledicia senón tamén da melancolía.

A música dos do Incio contén os sentimentos pasados e os nosos propios. Música de raíz onde escoitamos a grave chamada da serra, o doce son dos campos en harpa de centeos, os ríos que devalan en muiñeira con todos os amores que pillaron no camiño, e en fin, toda a paisaxe de Galicia metida nunha alma que sempre tivo como forma máis aguelada a caixiña de música. Mais tamén, a música de Xarín é unha raíz con ás. Isto non é "historia": é vida. Música que arrecende a amor e morte, a traballo e festa, a alegría e saudade, a resistencia e a soñares.

Manuel Rivas


O grupo Xarín Son :

Suso,
Xesús Luis Fernández Rodríguez
gaitas, frautas, ocarinas


Alberto,
Alberto Fernández Dacal
bombo, platillos, cunchas e voz


Oscar,
Oscar Sánchez Rodríguez
Gaitas en Do, Re e Sol, Tamboril, Pandeireta e Voz


Totono,
Antón Valcárcel Vázquez
violín, acordeón e voz


Cosme,
Cosme E. Pombo Rodríguez,
Gaitas en Do, Sol e Si b, Bombo,
Clave e Voz


Neme,
Nemesio Pérez Díaz,
Tamboril, Pandeireta, Cunchas,
Maracas e Voz


Para saber máis deles fai click
aquí.